7. Programa de Incentivos

Este programa articúlase como un dispositivo de motivación ao usuario para a súa participación activa nas medidas deseñadas. Así mesmo, os incentivos cumpren tamén unha función de cobertura de gastos en que puidese incorrer o usuario na participación no plan.

1. Incentivo para a participación activa.
Este primeiro incentivo créase para motivar os usuarios a participar nas medidas propostas no plan e asegurar a asistencia a un mínimo de sesións tanto de orientación como de inserción para que, desta forma, poida garantirse que os técnicos elaboren tanto o perfil como un itinerario profesional para cada usuario e ao mesmo tempo se cumpra unha activación na procura de emprego.
Para ter dereito á súa percepción o usuario debe participar en todas as medidas que se realicen no plan.

Número estimado de usuarios beneficiarios:
Dos 450 beneficiarios estímase que participarán nesta acción 300 usuarios
 
2. Bolsa de desprazamento.
Para axudar aos usuarios a participar das medidas de formación propostas no plan establécese unha axuda para o desprazamento e o traxecto poderá ser de carácter urbano ou interurbano.

Número estimado de usuarios beneficiarios:
Dos 450 beneficiarios estímase que participarán nesta acción 400 usuarios.
 
3. Incentivo para a inserción laboral por conta allea.
Para motivar os usuarios a unha procura activa dun novo posto de traballo e facilitar a súa recolocación no mercado laboral preténdese incentivar mensualmente a todos os que acrediten unha inserción laboral posterior á data de inicio do programa para a inserción por conta allea.
Para ter dereito á súa percepción a inserción debe ter unha duración mínima de 30 días,  ininterrompidos.
O incentivo consiste nun pago mensual durante un máximo de seis meses. Os usuarios deben acumular períodos mensuais completos para a percepción deste incentivo.

Número estimado de usuarios beneficiarios:
Dos 450 beneficiarios estímase que participarán nesta acción 130 usuarios.
 
4. Incentivo para o fomento do autoemprego.
Para axudar aos emprendedores nos seus primeiros meses como traballadores autónomos ou promotores dunha sociedade, establécese un pago mensual durante un máximo de seis meses. Para ter dereito á percepción deste incentivo, a alta do usuario como autónomo ou como promotor dunha sociedade debe ser posterior á adhesión ao programa.
Os usuarios deben acumular períodos mensuais completos cun mínimo dun mes.
Esta medida compleméntase con outros apoios da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal, concretamente:
-  Subvención de promoción de emprego autónomo
-  Subvención de iniciativas emprendedoras de emprego
-  Subvencións de apoio ao cooperativismo
-  Capitalización da prestación por desemprego

Número estimado de usuarios beneficiarios:
Dos 450 beneficiarios estímase que participarán nesta acción 20 usuarios.
 
5. Incentivo para a conciliación.
Para axudar aos usuarios do plan a cubrir os gastos que lles xenere a atención dos seus fillos menores, acollidos ou tutelados ou familiares dependentes directos, que convivan con eles e estean ao seu cargo, establécese un incentivo durante un máximo de 6 meses.
Adicionalmente hai que sinalar que a idade máxima do fillo ou menor a cargo para ter acceso ao cobro deste incentivo non pode superar os 8 anos.

Número estimado de usuarios beneficiarios:
Dos 450 beneficiarios estímase que participarán nesta acción 60 usuarios.
 
6. Bolsa para períodos de prácticas en empresas.
Coa finalidade de que a formación recibida polos participantes na acción "Prácticas en Empresas" sexa o máis completa posible, establécense unhas bolsas en empresas pola asistencia a prácticas non laborais. Estas prácticas teñen unha duración máxima de 3 meses.

Número estimado de usuarios beneficiarios:
Dos 450 beneficiarios estímase que participarán nesta acción 100 usuarios.