Descrición

Empreganav é un proxecto cuxo obxectivo é a reinserción laboral de persoas do sector do metal e auxiliar do naval en situación de desemprego.

O proxecto Empreganav céntrase no sector do metal e auxiliar do naval e nun ámbito xeográfico específico: Galicia.

A presenza dun elevado número de despedimentos de persoas traballadoras no ámbito do sector do metal e auxiliar do naval e a necesidade de dar unha resposta rápida e eficaz para promover a inserción laboral destas persoas desempregadas a través de diferentes medidas que permitan, dunha maneira personalizada, adaptarse ás diversas situacións persoais e profesionais xeradas pola situación actual do sector, é a orixe do proxecto Empreganav.

Así, Empreganav pretende crear recursos de fomento da reinserción laboral especificamente orientados ás problemáticas das persoas que foron despedidas entre o 23/03/2011 e o 22/12/2011 no sector do metal e auxiliar do naval, velando polo carácter personalizado destas.

Deseñarase un plan integrado de medidas feito á medida dos traballadores/as afectados/as do sector, para podelos acompañar persoal e individualizadamente no proceso que comprende desde o despedimento ata a súa reinserción no mercado laboral.

 

Os resultados esperados do programa son:

  • Un total de 450 persoas beneficiarias do proxecto.
  • Preto de 2,6 millóns de euros investiranse na mellora profesional e a reinserción de persoas en situación de desemprego no sector.
  • Reinserción laboral dun 40% das persoas que se impliquen nos itinerarios completos.
  • Aproximadamente 500.000 € estarán destinados a axudas directas a persoas desempregadas, participantes no proxecto (16% do investimento total).