O programa Empreganav para desempregados do naval supera o seu obxectivo cunha inserción consolidada de máis do 40%

Fecha: 
19/03/2014
  • A Consellería de Traballo e Benestar está a traballar nunha iniciativa complementaria para os anos 2014-2016, dirixida aos traballadores do auxiliar do naval que podería acadar os 400 beneficiarios
  • Así o anunciou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a entrega de diplomas aos participantes do Empreganav, entre os que se atopan varios certificados de profesionalidade
  • Mato explicou que a maior porcentaxe de inserción produciuse no propio sector do metal, pero tamén en servizos ás empresas, no sector da madeira, no comercio minorista, no sector agroalimentario e na hostalería, ademais do establecemento de 15 proxectos empresariais novos

Vigo, 18 de marzo de 2014.- O programa Empreganav, posto en marcha co obxectivo de reinsertar no mercado laboral aos traballadores do sector naval e do metal que tiñan perdido o seu emprego por culpa da crise, logrou a reinserción do 61% dos participantes, 274 traballadores dun total de 450, dos que o 42% acadou unha inserción consolidada, é dicir 189, superando así o obxectivo inicial do programa que era do 35%.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, entregou hoxe os diplomas aos participantes desta iniciativa, entre os que se atopan varios certificados de profesionalidade que supoñen unha mellora nos currículums. Ata a actualidade máis de 36.000 galegos e galegas xa conseguiron un certificado de profesionalidade, o que sitúa a Galicia á cabeza de todas as autonomías en formación certificada.

Na súa intervención, Mato indicou que o Goberno é plenamente consciente da situación que está a sufrir o sector e, por iso, o apoia “de forma transversal e coordinada”, tanto desde a Consellería de Traballo e Benestar como desde Economía e Industria, ou desde a Presidencia da Xunta, co máximo compromiso do presidente Feijóo.

En primeiro lugar, apostouse por buscar carga de traballo para os estaleiros, para o que destaca a alianza estratéxica alcanzada con PEMEX que vai reportar a Galicia 600 millóns de euros e que se vai traducir en 1.400 novos postos de traballo no sector.

Doutra banda, estase a traballar cos profesionais do sector que perderon o seu emprego por culpa da crise. Para iso levouse a cabo un plan integrado de medidas desde o diagnóstico inicial ata a inserción laboral, pasando pola orientación, a formación ou o acompañamento.

No caso de Empreganav, a maior porcentaxe de inserción produciuse no propio sector do metal, pero tamén en servizos ás empresas, no sector da madeira, no comercio minorista, no sector agroalimentario e na hostalería. Ademais, establecéronse 15 proxectos empresariais novos mediante o autoemprego.

Mato lembrou que este programa levouse a cabo co consenso da mesa do naval do diálogo social e a colaboración da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), a Federación de Industria de Comisións Obreiras e a de UXT, ademais de contar coa participación activa da Fundación Galega do Metal (FORMEGA).

Así mesmo, trátase dun programa que conta co apoio da Unión Europea, en concreto do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), que financiou o 65% do proxecto, que contou cun orzamento total de 3,1 millóns de euros (2 millóns correspondentes a fondos europeos e o restos ás Consellerías de Traballo e Benestar e Economía e Industria).

Programa para auxiliares do naval A conselleira de Traballo e Benestar anunciou que, tendo en conta os resultados positivos de Empreganav, o departamento autonómico está a traballar nunha nova iniciativa complementaria dirixida aos traballadores do auxiliar do naval.

De feito, xa se ten avanzado co FEAG na proposta dun novo programa de itinerarios integrais de inserción laboral no sector, para desenvolver entre 2014 e 2016, e que podería acadar os 400 beneficiarios.

Fonte: Xunta de Galicia.