O sector do metal e auxiliar naval e o emprego

Na actualidade o 45% dos pequenos e medianos estaleiros existentes no Estado español son galegos. Estes conforman o sector privado do naval galego, localizado principalmente nas rías de Vigo e Ferrol.

A importancia do sector do metal e do auxiliar do naval galego dentro do contexto estatal é evidente, como o demostra o feito de que, dos 23 estaleiros privados que existen en España, nove atópanse en Galicia -seis na ría de Vigo, dous na de Pontevedra e un en Burela.

Ademais, Galicia alberga un importante centro de construción naval militar, Navantia, situado na ría de Ferrol,  cunha relevante carga de traballo e un  considerable know-how no deseño e construción de buques.
 
A industria da construción naval constitúe para Galicia un sector estratéxico, non só polo número de postos de traballo directos e indirectos que xera, senón tamén pola súa importante repercusión sobre o conxunto da contorna socioeconómica, así como pola súa condición de verdadeira canteira de profesionais das máis diversas especialidades.
 
A finais de 2008 o naval xeraba en Galicia máis de 10.000 postos de traballo, aproximadamente 3.500 empregos directos en estaleiros e 6.500 na industria auxiliar. Desde ese momento asistimos a unha deterioración permanente desta actividade. Así, a cifra de afiliados en alta laboral no mes de outubro de 2011 non superaba os 7000 e a media de desempregados dos últimos doce meses superaba en máis dun 30% a do mesmo período do ano anterior.
 
A demanda de buques reduciuse de forma drástica e a actividade do sector mantívose grazas a contratos conseguidos antes da crise, o que levou a unha situación de sobrecapacidade importante no sector, que desembocou nun primeiro momento nunha destrución de postos de traballo a través da non renovación de contratos de traballo temporais, seguido pola aplicación de expedientes de regulación de emprego temporais na case totalidade dos estaleiros da zona. Con todo, e a pesar destas dúas medidas de axuste, tívose que recorrer nun último paso á aplicación de expedientes de regulación de emprego extintivos.
 
Por último, a situación na que se atopa o sector naval en Galicia plásmase no número de empresas dedicadas a esta actividade. O número de empresas do CNAE 25 desde o ano 2008 na comunidade galega pasou de 2.541 a 2.323 en catro anos. A diminución do número de empresas no sector é aínda máis preocupante ao observar que o ritmo de destrución destas se acelerou no ano 2010 e 2011, durante os que se produciu máis do 95% das destrucións do período.
 
O último informe trimestral de CESA, relativo ao terceiro trimestre do ano 2011, confirmou unha recaída importante do sector en 2011 e prevé un impacto importante sobre o emprego no ano 2012.